O CIFP A Farixa impulsa a I Edición de Estudios Abertos Ourense
Texto: O 24 de setembro, ás 12:00h, na Galería Dodo Dadá, no Casco Vello de Ourense, presentouse en rolda de prensa a I Edición de Estudios Abertos Ourense, un evento que durante tres días, a fin de semana do 25 ao 27 de outubro, abrirá as portas de 14 talleres de artistas diseminados pola cidade de Ourense e as súas proximidades.
O evento, que está producido por un grupo de ex-alumnos/as do Ciclo de Produción de Audiovisuais e Espectáculos, agrupados en forma de Asociación Cultural A Maquinadora, conta coa colaboración do noso centro a través dun acordo que permitirá que alumnado actual do ciclo se integre como voluntariado, podendo participar de primeira man na produción dun evento en colaboración cun grupo de ex alumnado que xa é profesional en activo. O alumnado de 1º e 2º curso de produción realizará tarefas nas áreas de coordinación, atención dos espazos, comunicación e produción audiovisual.
Na rolda de prensa participaron o Director Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou a importancia desta proposta no contexto do calendario da arte contemporánea galega e comprometeu o seu apoio a vindeiras edicións, manifestando a súa satisfacción polo feito de que este evento una esforzos de sectores culturais, artistas plásticos e formativos, "coa implicación dun centro de referencia en Ourense e toda Galicia como o CIFP A Farixa". Participaron tamén na rolda de prensa Miguel Mosquera, en representación do obradoiro de doces alaricanos Fina Rei, principal patrocinador do evento, que destacou o interese de Fina Rei por aceptar o convite a colaborar co proxecto "porque nos sentimos conectados coa arte, desde a nosa posición de obrador, e porque cremos que este é o noso lugar, preto dos artistas cos que a nosa casa sempre quixo colaborar".
Coincide ademais que Fina Rei presentará proximamente o proxecto Legarum, unha colección de pezas de chocolate elaboradas a partir de obras de artistas galegos/as e ourensáns. Viky Mociños, ex-alumna da Farixa e membro do equipo da Maquinadora, agradeceu a implicación de todas as partes e desgranou a operativa do evento, ao que convidan a toda a cidadanía de Ourense para disfrutar de 3 intensos días de arte.
Tomás Lijó, pola súa parte, profesor do Departamento de Comunicación, Imaxe e Son, valorou o entusiasmo do equipo e do alumnado implicado, agradeceu a participación de todas as partes e destacou o interese do centro en favorecer a interrelación co contexto empresarial, social e neste caso, tamén cultural da cidade e provincia de Ourense. Toda a información sobre o mesmo pode consultarse na web: www.estudiosabertos.com