Presentación da II Edición Estudios Abertos Ourense
O xoves, 25 de setembro, o salón de actos do CIFP A Farixa acolleu a presentación da IIª Edición de Estudios Abertos Ourense, festival de arte contemporánea e artes visuais producido pola Asociación de exalumnos e comunidade educativa do ciclo de Produción do CIFP A Farixa en colaboración co propio CIFP A Farixa, a Dirección Xeral de Cultura e a Deputación de Ourense. Participaron na roda de prensa Viky Mociños, ex-alumna do centro e unha das impulsoras do proxecto, Tomás Lijó, Xefe de Departamento de Imaxe e son, e Anxo Lorenzo e César Fernández, en calidade de representantes das administracións implicadas.
Na fin de semana do 24 ao 26 de outubro, Estudios Abertos abrirá as portas de 19 talleres de artistas da cidade de Ourense e da provincia, ofrecendo a posibilidade única de visitar e coñecer os procesos creativos da arte que se crea en Ourense. O proxecto é, a través dun acordo asinado co CIFP A Farixa, ademais, un experimento de produción no que estarán implicados/as alumnos/as do centro, traballando de primeira man en calidade de voluntarios/as nun proxecto real. Toda a información está en www.estudiosabertos.com. A organización asegura que hai moito que ver!
|
![]() |

