ACREDITACIÓNS        BOLSA DE EMPREGO

EDUCALIDADE        PROFESORADO        AULA VIRTUAL          

Excursión A Coruña

O departamento de Turismo comezou coas ACF programadas para este curso coa excursión á Cidade de Cristal, A Coruña, para complementar a aprendizaxe académica coa experiencia real, fomentar a motivación, desenvolver habilidades sociais e persoais, e conectar aos/ás estudantes coa súa contorna cultural e social de maneira activa. Manuel, de @puertocoruna, fixo unha interesante visita guiada polo porto, onde vimos as diferentes actividades que se desenvolven alí, a lonxa, a carga e descarga de materiais a granel, e a zona de cruceiros, onde estaba atracado o Independence of the Sea, da navieira Royal Caribbean.

Despois desfrutamos da visita á Cúpula do Monte de San Pedro, onde o guía Carlos explicounos e acompañounos na experiencia inmersiva da afamada escenógrafa e artista británica Es Devlin, unha experiencia fascinante! Tras un pequeno descanso polos xardíns, puxemos rumbo ó Museo Muncyt (Museo de Ciencia e Tecnoloxía @muncyt_es) onde a guía Tatiana transmitiu de xeito creativo e empático a información das diferentes décadas na historia da tecnoloxía co que logrou facer a aprendizaxe da visita moi amena.

Paramos para comer, e despois o noso recurso turístico seguinte foi a Torre de Hércules (patrimonio da Humanidade). Alí, Mónica, a guía captou a atención do noso alumnado con información e preguntas de gran interese. Tras desfrutar das vistas da cidade e proximidades dende a terraza da Torre de Hércules puxemos rumbo de volta á nosa cidade. Soamente queda agradecer ós profesionais do sector turístico que foron as/os nosas/os guías nas visitas o seu bo facer co cal o noso alumnado afianza este aprendizaxe, e ao alumnado que participou desta experiencia que levará consigo todo o aprendido.

Por último, animar ó alumnado que non estivo con nós a que participe destas oportunidades de viaxar co resto de compañeiros/as e compartir estas actividades organizadas dende o centro educativo. Deica a próxima viaxe!