Visita á Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo
O venres, día 16 de xaneiro, o grupo de 1º de Ciclo Medio de Instalacións de Telecomunicaciós, acompañados pola súa profesora, Asunción Álvarez Pérez, e o profesor do Centro de innovación da FP, Ricardo Ameijeiras, visitaron a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo como paso previo á participación de 6 alumnos deste curso nas Olimpíadas de Telecomunicacións 25/26 que se celebrarán no mes de abril.
Convidados pola dirección do centro, asistiron a unha presentación no salón de actos, xunto con outros/as alumnos/as de toda Galicia e de diferentes niveis educativos, na que lles explicaron as bases do concurso. Despois deste acto realizaron unha visita guiada polo centro e tiveron ocasión de observar algúns proxectos que están a desenvolver alumnas/os da Escola. Un deles consiste na fabricación e posterior posta en órbita dun pequeno satélite, e outro na realización dun barco alimentado exclusivamente por enerxía solar que se está a construir nun contedor como o que temos aquí no centro.
Por último visitaron a sala anecoica onde hai unha ausencia total de sons debido a que no seu deseño se empregan materiais e tecnoloxías para absorber completamente o son e onde se realizan probas acústicas a distintos tipos de maquinaria, medicións de altofalantes e micrófonos, electrónica, etc. Alumnado e profesorado experimentaron por primeira vez a sensación de silencio extremo que, segundo nos explicou a profesora que nos ensinou o recinto, hai persoas que non o poden soportar moito tempo pois pode causar ansiedade e desorientación.



