ACREDITACIÓNS        BOLSA DE EMPREGO

EDUCALIDADE        PROFESORADO        AULA VIRTUAL          

Visita a santiago: Complexo administrativo" Cidade de San Caetano" e Catedral

Saída didáctica realizada o 14 de xaneiro, realizada polo alumnado da familia profesional de Edificación e Obra Civil e orientada a coñecer solucións arquitectónicas reais, técnicas de execución en obra e criterios de intervención en edificios administrativos e patrimoniais.
 
Nun primeiro momento realizouse a visita ás obras do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, guiada polo Estudio Díaz e Díaz Arquitectos, responsable da dirección de obra das actuacións en curso. Durante o percorrido, Pablo, un dos arquitectos do equipo, explicou ao alumnado as distintas fases da obra, as solucións construtivas adoptadas, os criterios técnicos empregados na rehabilitación e adaptación do edificio, así como a coordinación entre os distintos axentes que interveñen no proceso construtivo.
 

Posteriormente, completouse a actividade cun percorrido guiado polos teitos da Catedral de Santiago, no que se analizaron os sistemas construtivos da cuberta, o proceso histórico da súa execución e as sucesivas intervencións de reforma e conservación. Durante a visita abordáronse aspectos relacionados coa construción tradicional, os materiais empregados, as patoloxías detectadas ao longo do tempo e as solucións técnicas aplicadas para garantir a conservación dun edificio de alto valor histórico e patrimonial.

Esta actividade permitiu ao alumnado relacionar os contidos teóricos coa realidade da obra executada, comprender a evolución das técnicas construtivas ao longo do tempo e valorar a importancia da intervención responsable tanto en edificios administrativos en uso como en bens integrantes do patrimonio histórico.