ACREDITACIÓNS        BOLSA DE EMPREGO

EDUCALIDADE        PROFESORADO        AULA VIRTUAL

O CIFP A Farixa acolle o acto de clausura do proxecto “Desenvolvemento de procesos de fabricación flexible e intelixente mediante cobots para a industria 4.0”

 

CIFP A Farixa acolleu hoxe o acto de clausura do proxecto “Desenvolvemento de procesos de fabricación flexible e intelixente mediante cobots para a industria 4.0”, unha iniciativa de innovación aplicada á Formación Profesional orientada á transferencia de coñecemento entre centros educativos e empresa.

No acto participaron profesorado e alumnado técnico dos tres centros educativos integrantes do proxecto: o CIFP A Farixa, como centro coordinador; o IES Condestable Álvaro de Luna, de Illescas; e o Institut Rambla Prim, de Barcelona. Tamén participaron técnicos da empresa Powerbots S.L., entidade colaboradora no desenvolvemento técnico da proposta.

Ao longo do proxecto traballouse na integración de tecnoloxías propias da industria 4.0, como a robótica colaborativa, a visión artificial, a sensórica aplicada e os procesos de fabricación flexible. A través desta colaboración, os centros participantes puideron avanzar na creación de contornos didácticos máis próximos á realidade industrial, favorecendo a actualización técnica do profesorado e a adquisición de novas competencias profesionais por parte do alumnado.

Durante a xornada de clausura puxéronse en común os resultados acadados, as aprendizaxes obtidas e as posibilidades de transferencia ás ensinanzas de Formación Profesional, especialmente nos ámbitos da automatización, a robótica, a fabricación mecánica e a mecatrónica industrial.

Este proxecto foi desenvolvido ao abeiro das axudas destinadas á realización de proxectos de innovación e investigación aplicadas e transferencia do coñecemento na Formación Profesional, subvencionado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, no marco das actuacións de impulso á innovación na FP.

Dende o CIFP A Farixa queremos agradecer a implicación de todos os centros participantes, do alumnado, do profesorado e da empresa Powerbots S.L., cuxa colaboración fixo posible o desenvolvemento dun proxecto que reforza a conexión entre a Formación Profesional e as necesidades tecnolóxicas actuais do sector produtivo.

O acto de clausura supón o peche formal dunha experiencia de traballo compartido que deixa como resultado materiais, coñecemento técnico e unha rede de colaboración entre centros que poderá seguir xerando novas iniciativas de innovación no futuro.